Wednesday 15 de May de 2024

O Entroido chega esta fin de semana a Boqueixón co estreo da Festa da Filloiña de Lestedo e os atranques dos Xenerais da Ulla en Sergude


O Entroido será o protagonista esta fin de semana en Boqueixón, no que novidade e tradición daranse a man nas parroquias de Lestedo e Sergude. Así, o sábado Lestedo estreará a primeira edición da Festa da Filloíña para acompañar ao Entroido da Filloa; e o domingo Sergude celebrará o seu tradicional entroido, coa participación dos Xenerais da Ulla, festa de interese turístico galego.

A festa dará comezo en Lestedo o sábado 18 de febreiro, ás 17:30 horas, coa primeira edición da Festa da Filloíña, “unha Festa da Filloa pero dedicada exclusivamente aos máis pequenos da casa”, explica José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo. A música dos grupos infantís Lucerniñas, Luceiro e Luarada (da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio) dará paso ás actuacíons de As Travesas de Codeso e Os Campiños de Sarandón.

Ás 18:00 horas terá lugar o pregón infantil, seguindo de atranques de xeneraliños, onde se poderá ver que hai canteira para esta festa tradicional. Ás 19:30 horas terá lugar o Concurso de Disfraces Infantil, con tres premios nas categorías individual e de grupos. Toda a rapazada que participe no concurso de disfraces poderá degustar gratuitamente filloas doces. A Festa da Filloiña rematará cunha gran festa infantil con discomóbil.

Unha vez rematada Filloiña, ás 22:00 horas arrincará o Entroido da Filloa coas actuacións musicais da orquestra Finisterre e o grupo Origen. Ás 00:30 horas terá lugar o concurso de disfraces para persoas adultas, con premios para disfraces individuais e para grupos. En ambos os dous casos, concurso infantil e de adultos, é preciso anotarse previamente en festadafilloadelestedo.gal.

Entroido de Sergude

No que atinxe ao Entroido de Sergude, o programa da festa dará comezo ás 11:00 horas do domingo 19 de febreiro, cando Correos, Xenerais e Comparsas percorran toda a parroquia cos seus cantos, acompañados pola música do grupo “Son de gaitas”, de Sergude. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, o campo da festa de Sergude acollerá as actuacións das comparsas e os tradicionais Atranques dos Xenerais da Ulla, que darán paso a un Gran Baile de Disfraces amenizado polo Dúo Óbice.

Haberá degustación gratuíta de chocolate con churros, así como sorteo dun lote de produtos de Entroido e un patinete eléctrico. As comparsas interesadas en participar deberán confirmar a súa asistencia no 609 336 813.